Sunday 05 de May de 2024

Turismo de Galicia promove a comunidade galega como destino para a organización de congresos na feira IMEX de Fráncfort


O departamento de promoción turística da Xunta participa neste certame especializado no que se desenvolverán xuntanzas cos principais operadores turísticos europeos dedicados á organización de reunións profesionais

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, promove desde onte a oferta do sector da organización de congresos e reunións de empresa na feira especializada IMEX, que se desenvolverá ata mañá na cidade alemá de Fráncfort.

Esta é unha das feiras de congresos máis senlleiras do mundo no ámbito do turismo de reunións e Turismo de Galicia estará presente cun espazo de promoción. Este ano, ademais de Turismo de Galicia, asisten as entidades galegas de Turismo da Coruña, Palexco, Expocoruña e Vigo Convention Bureau.

Xuntanzas de traballo
Dentro das actividades que se desenvolven neste certame destacan as xuntanzas de traballo previstas cos principais operadores turísticos europeos relacionados co turismo de reunións.

Nesta feira, Turismo de Galicia conta cun expositor para presentar a información da oferta turística de Galicia, relacionada tanto cos congresos como con outros recursos paisaxísticos, gastronómicos ou de infraestrutura hoteleira.

Por outra parte, está prevista a presentación da oferta turística galega, nun acto que se desenvolverá no propio recinto da feira, así como a asistencia ao actos de promoción organizados pola Oficina de Turismo de España en Fráncfort.

Turismo de Galicia tamén participará na presentación aos medios de comunicación alemáns da oferta española de turismo de congresos e no evento ‘A Noite de España’, punto de encontro de profesionais españois e alemáns para intercambiar opinións e coñecer as novidades do sector no hotel NH Frankfurt City.

Turismo de reunións
O turismo de reunións en Galicia ten experimentado un notable desenvolvemento durante os últimos anos, debido, en parte, ao incremento e mellora das infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.

O incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos, así como a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.